Nas últimas semanas adicámonos a sementar e plantar. Deste xeito profundizamos máis no coñecemento das plantas e traballamos con vocabulario relacionado con elas.
Tamén fixemos un herbario no que clasificamos as plantas segundo as súas características.
Como xa sabedes, este ano participamos nun proxecta chamado FITOFALADOIRO cuxo obxectivo é promover o uso da lingua galega e o interese polo noso patrimonio cultural.
Por iso, unha vez máis, pedimos a vosa colaboración para unha das actividades centrais do proxecto.
Esta actividade consistirá en recopilar NOMES POPULARES DE PLANTAS DA CONTORNA, así como tamén, USOS E CRENZAS, LENDAS, CANTIGAS…e todo o que se vos ocorra relacionado con este ámbito.
Farémolo mediante ENTREVISTAS (VÍDEO OU AUDIO) aos nosos maiores, eles serán os nosos mestres. Recolleremosinformación que se foi transmitindo de xeración en xeración.
Tamén se poderá recoller información por ESCRITO que acompañará ao vídeo ou audio, así como FOTOS da planta referida (temos en conta que nesta época pode ser difícil polo que será posible entregar a foto na primavera)
TODA AQUELA INFORMACIÓN QUE ACHEGUEDES DEBE VIR CO NOME E APELIDOS DA PERSOA QUE SE ENTREVISTOU, ASÍ COMO, O LUGAR ONDE SE RECOLLEU A INFORMACIÓN.
NON SE DEBE CORREXIR O NOME DA PLANTA QUE USA O INFORMANTE. Exemplo: Se o informante di “bedoeiro” no canto de “bidueiro” ou “sesta” en vez de “xesta”, ANOTAREMOS E RECOLLEREMOS A FORMA ORIXINAL. A actividade consiste en coñecer o léxico popular e tradicional.
NON SE DEBEN RECOLLER NOMES OU USOS PROCEDENTES DOUTRAS FONTES (LIBROS, TELEVISIÓN OU INTERNET)